martes, 9 de junio de 2009

miércoles, 3 de junio de 2009

COMEDOR


O noso comedor como un espazo educativo e de convivencia


O Comedor Escolar é un servizo educativo, ademais de contribuír á organización da vida familiar, que ofrece o Colexio, e como tal cómprelle marcarse uns obxectivos:
Promocionar e desenvolver hábitos alimentarios saudables.
Garantir unha dieta que favoreza a saúde.
Consolidar hábitos hixiénicos saudables.
Desenvolver o compañeirismo, o respecto e a tolerancia.
Traballar valores como a solidariedade e a cooperación.
Conseguir un marco físico e social saudable.
Por todo isto, vanse fixar unha serie de normas que marquen as actuacións de todos aqueles que interveñen no servizo de Comedor Escolar.
NORMAS DE CONVIVENCIA DURANTE A COMIDA
Unha das camareiras irá buscar os alumnos ás súas aulas e, seguindo as indicacións das mesmas, estes irán ao comedor con orde e tranquilidade, evitándose carreiras, berros ou empurróns.
Unha vez no comedor, sentarán nos lugares que lles indiquen as camareiras ou persoas encargadas do comedor.
Serán educados e respectuosos cos demais compañeiros.
Os alumnos respectarán ás camareiras: deben obedecer e seguir as súas indicacións, amosando unha actitude de colaboración e respecto cara a elas.
Durante a comida, todos permanecerán sentados. Se precisan algo, levantarán a man e pediránllelo ás camareiras. Cómpre lembrar que se deben pedir as cousas por favor e sen berrar.


Intentaremos que o espazo do comedor escolar estea sempre limpo e, xa que logo, evitaremos que caian migallas, comida, auga, etc... ao chan.
É moi importante comer nun ambiente tranquilo e relaxado, polo que nos dirixiremos aos demais sen berrar, falando nun ton de voz axeitado.

Sentaremos correctamente, sen xogar nin acanearnos nas cadeiras. Os cóbados deberán estar fóra da mesa.
Un obxectivo importante do comedor escolar é "aprender a comer". Daquela, asumiranse as seguintes indicacións:
- Lavar as mans antes de comer.
- Mastigar coa boca pechada e limpar a boca co pano antes de beber.
- Utilizar os cubertos correctamente, xa que non son para xogar ou "facer" música. Non coller os alimentos coas mans.
- Probar todos os alimentos que se poñan no menú diario e, se é posible, comelo todo.
- Limpar os dentes despois de comer.
Para notificar as incidencias, as camareiras darán parte de incidencias ás responsables do comedor e estas falarán coas familias.
As familias dirixiranse directamente ás persoas da ANPA responsables do comedor para comentarlles calquera problema, incidencia no mesmo ou coas súas camareiras, ou ben para felicitalas polo seu labor.
Os pais ou titores dos alumnos deberán comunicar por escrito se os responsables de recollelos non poden acudir e deben mandar outra persoa ou se teñen que vir buscar os nenos antes da hora de saída do comedor.
Entre todos intentaremos reconducir as malas actuacións e mellorar a convivencia no comedor.
ANPA